Vai por ti!

Posted by Xurxo (Galiza, Spain) on 16 November 2008 in Abstract & Conceptual.

Levo días sen subir ningunha fotografia.

Faise-me duro, e non atopo o momento, nin a fotografia, nin as verbas. Só bágoas salgadas. Como di Henrique non seu blog, quen se sinte capaz para facer unha necrolóxica dun amigo…

Coñecín ao Paco na casa da Neves, en Prado do Miño. Penso que aquela foi a primeira xuntanza oficial do BNG de Castrelo de Miño. Eu tiña 17 anos de idade, e miles de ilusións navegando no corazón, que a partires daquel dia comezaron a agromar. O Paco tamén estaba alí, e non parou nin un só intre de intervir, de falar, de rir. Có Paco escarallabas-te cando ría. Había que escoitalo… E caiu-me ben aquel rapaz de Barral.

Pasaron quince anos e todos aqueles seguimos sendo amigos, seguimos tendo o peito cheo de ilusións, seguimo-nos rindo, e seguimo-nos xuntando, como hoxe fixemos en Oleiros. O Paco non estaba, porque hoxe á noite faleceu.

Desde que iniciamos esta aventura, é o primeiro de nós que se vai en Castrelo. E non somos vellos, e polo menos para min, non é doado asumir isto.

Co Paco fun de casco azul cunha videocámara como arma naquelas primeiras eleccións en Castrelo. Percorremos no seu coche o dia das votacións o concello de arriba abaixo. Observadores da ONU pareciamos. Por algures, ainda debo ter algunha cassete betacam gardada daquelas aventuras.

Pasou o tempo e o decorrer profesional fixo que nos últimos anos falaramos máis de viño e do Ribeiro que da política, no Consello Regulador, na Praza Maior da vila... O Regaval seguiu-nos acompañando todos os 25 de xullo a Santiago de Compostela, e nos últimos tempos viña tamén “Dazucena”.

Nesta nova responsabilidade na que agora andamos, o Paco acompañou-me o dia +1, nunha reunion cunha terceira persoa, allea. Aquel dia, penso que aos dous se nos rachou a nosa alma de "espiritus puros", como diría o Toño. Un mal trago o de aquel día.

Pero quedarei-me cos bos momentos, como o que lembraba hai uns dias o Alfredo, na casa do Luis do Pazo. Mira que rimos aquel dia…

Contaba-me Bernardo que andabades estes días a voltas coa viticultura biodinámica. Lembra-me a esta cunca de viño novo de Cabanelas que hoxe nace.

Compañeiro, vai por ti!

Sony DSC-T100
1/60 second
F/3.5
ISO 100
6 mm

cabanelas
novo
vinho
barral
paco
tristura